cinensino
Educación en valores para a prevención do consumo de alcohol e outros trastornos adictivos e comportamentais no eido escolar a través dos medios audiovisuais e as TIC.
PROGRAMA RECOÑECIDO DE INTERESE SANITARIO POLA CONSELLERÍA DE SANIDADE DA XUNTA DE GALICIA.
UNHA viaxe AOS VALORES E A EDUCACIÓN PARA A SAÚDE.
O programa de Educación en Valores para a prevención do consumo de alcohol e outros trastornos adictivos e comportamentais no eido escolar a través dos medios audiovisuais e as TIC “CINENSINO” englóbase dentro do contexto de Educación para a Saúde e pretende ser un instrumento complementario nesta área e dentro do actual sistema educativo.
Para iso, o programa debe ser asumido polo centro educativo ao que se lle facilita asesoramento, medios e formación imprescindible para que sexa impartido polo propio profesorado.
CINENSINO xurde da necesidade de estruturar un programa de accións preventivas no eido escolar seguindo os criterios do Plan de Trastornos Adictivos de Galicia 2011-2016, da Estratexia Nacional sobre Drogas 2009-2016 e do Observatorio Europeo de Drogodependencias e Toxicomanías (OEDT).
Para isto, debe cumprir os seguintes requisitos:
- Base teórica contrastada
- Evidencia empírica
- Formación específica dos axentes educativos
- Metodoloxía interactiva
- Rigor metodolóxico na planificación, implementación e avaliación do programa
- Eficacia contrastada

A estrutura do programa consta dun curso de formación para o profesorado en internet, a proxección de tres películas en formato 35mm o DVD, tres módulos principais ou unidades didácticas para traballar cos alumnos nas aulas ao longo do curso escolar e o desenvolvemento de actividades complementarias nas redes sociais, segundo os seguintes obxectivos xerais:
- Reducir a prevalencia e intensidade no consumo de alcohol en menores e adolescentes.
- Racionalizar o uso das TIC previndo as adiccións sociais e condutas relacionadas
- Atrasar ou impedir o inicio de condutas adictivas no eido escolar.
¿Por que nos centros educativos?
O eido escolar posúe un interese especial para a posta en marcha de accións de carácter preventivo e constitúe un contexto privilexiado para impartir programas estruturados ao longo do tempo. Algunhas das vantaxes que ofrecen os centros educativos para traballar nesa tarefa son:
- A institución educativa acolle durante uns anos á práctica totalidade da poboación xove e adolescente, é este sector da poboación o considerado como de maior risco en canto ao inicio de comportamentos adictivos.
- O eido escolar é a principal instancia socializadora, xunto coa familia, o que lle permite integrar a acción preventiva de xeito natural na función educativa xeral.
- Estas institucións son, ademais, un micromundo social polo que a súa normativa e funcionamento é xeralizable a outros contextos.
- O eido escolar permite a continuidade na implementación e seguimento de programas o longo do tempo.
- Posibilita desenvolver e/ou cambiar actitudes e hábitos nos adolescentes.
- Por razóns de idade, esta poboación é bastante homoxénea e especialmente educable, de maneira que se poden impartir coñecementos, adquirir actitudes e establecer certos hábitos de xeito gradual e persistente.
- A escola pode detectar problemas temperáns e orientar cara a alternativas máis adaptativas e enriquecedoras, contando coa participación dunha serie de mediadores sociais moi amplo: profesores, alumnos, psicólogos, familia; así como outros axentes sociais que actúan en conexión co contorno escolar.