
Por unha convivencia en igualdade
Fomentar a igualdade de xénero e impulsar o principio de igualdade de trato e de oportunidades no eido educativo.
Fomentar a educación interxeneracional en materia de igualdade no eido familiar.
Contribuir a mellorar a sociedade, equilibrando as posicións de mulleres e homes en todos os aspectos da vida social.
Definir un proxecto consolidado de prevención e sensibilización en igualdade na poboación máis nova dos municipios.
Fomentar a concienciación e sensibilización social, así como a promoción e adopción de medidas preventivas en materia de violencia de xénero.
Dar a coñecer á sociedade os mecanismos de intervención educativa existentes en materia de violencia de xénero.
facer real e efectiva a igualdade entre homes e mulleres e, deste xeito previr a violencia de xénero e a desigualdade en todas as súas manifestacións.

Levamos anos traballando por impulsar valores de igualdade de trato e de oportunidades en proxectos no eido da educación, e desde a nosa experiencia, consideramos que é precisamente neste campo onde pódese cultivar a mellor concienciación na materia.
Despois de 25 anos de experiencia en deseño, creación e desenvolvemento de programas educativos na nosa Comunidade Autónoma, sabemos que a educación é o piar fundamental para camiñar cara unha sociedade máis igualitaria e previr, tamén, as situacións de violencia de xénero que se seguen repetindo con demasiada frecuencia.
Desta convicción, e motivados polo impulso da Administración Pública, tras publicala Lei(galega) 7/2004, de 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes, deseñamos o programa específico de intervención: EquiXen (Equidade de xénero) co fin de desenvolver actividades concretas dentro do programa de igualdade e prevención da violencia de xénero.
A Igualdade é a educación.
O respecto, a liberdade e a igualdade son tres dos piares básicos. Desde as aulas podemos ensinarlles aos nenos e ás nenas a ter unha visión do mundo e da sociedade libre de prexuízos e estereotipos. É preciso, polo tanto, prestar atención ao proceso de convivencia nos centros educativos para conseguir que se valoren de maneira igualitaria as capacidades, os intereses e as achegas de nenas e nenos e favorecer deste xeito as relacións de igualdade e de respecto, o que repercutirá non só nunha mellor convivencia escolar senón tamén nunha sociedade máis igualitaria.

Aínda que nas últimas décadas déronse importantes pasos cara á paulatina incorporación das mulleres ao ámbito educativo, e para conseguir unha democratización da educación nas escolas e universidades, seguen existindo fallos ou defectos derivados da cultura patriarcal imperante na nosa sociedade. Isto supón que, na actualidade, pese a que mulleres e homes simulan partir dunha situación de igualdade de oportunidades, na práctica isto non se traduce en resultados equilibrados desde o punto de vista do xénero.
Integrar a perspectiva de xénero en todas as etapas da Educación pode ser o primeiro paso para construír unha sociedade máis equitativa e xusta, na que as diferenzas entre mulleres e homes non se traduzan en desigualdades, senón en oportunidades.