EquiXEN

Desde CULTURALIA, Iniciativas Culturales y Pedagógicas S.L.U., levamos anos traballando por impulsar valores de igualdade de trato e de oportunidades en proxectos no eido da educación, e desde a nosa experiencia, consideramos que é precisamente neste campo onde pódese cultivar a mellor concienciación na materia. A educación é o piar fundamental á hora de poder mudar o actual sistema, camiñar cara a unha socialización igualitaria e previr, en consecuencia, as situacións de violencia de xénero que se seguen repetindo con demasiada frecuencia.


Desde esta convicción, motivados polo impulso das propias Administracións Públicas, coa publicación da Lei 7/2004, de 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, que contempla no seu Capítulo I: “A educación e a formación para a igualdade entre mulleres e homes”, deseñamos o programa específico de intervención: EquiXEN (Equidade de xénero) neste marco co fin de desenvolver actividades concretas dentro do programa da igualdade e prevención da violencia de xénero. Abálanos 25 anos de experiencia en deseño, creación e implementación de programas educativos na nosa Comunidade Autónoma.


O programa EquiXEN xorde como resposta á necesidade de facer real e efectiva a igualdade entre homes e mulleres e, deste xeito previr a violencia de xénero e a desigualdade en todas as súas manifestacións.

O camiño máis efectivo para avanzar cara á igualdade é a educación. O respecto, a liberdade e a igualdade son tres dos piares básicos. Desde as aulas podemos ensinarlles aos nenos e ás nenas a ter unha visión do mundo e da sociedade libre de prexuízos e estereotipos. É preciso, polo tanto, prestar atención ao proceso de convivencia nos centros educativos para conseguir que se valoren de maneira igualitaria as capacidades, os intereses e as achegas de nenas e nenos e favorecer deste xeito as relacións de igualdade e de respecto, o que repercutirá non só nunha mellor convivencia escolar senón tamén nunha sociedade máis igualitaria.

En resumo, aínda que nas últimas décadas déronse importantes pasos cara á paulatina incorporación das mulleres ao ámbito educativo, e para conseguir unha democratización da educación nas escolas e universidades, seguen existindo fallos ou defectos derivados da cultura patriarcal imperante na nosa sociedade. Isto supón que, na actualidade, pese a que mulleres e homes simulan partir dunha situación de igualdade de oportunidades, na práctica isto non se traduce en resultados equilibrados desde o punto de vista do xénero.

O contexto sociocultural, aínda moi impregnado de roles e estereotipos tradicionais, segue a condicionar o nivel formativo, tipo de estudos e ascenso profesional de mulleres e homes. Ao mesmo tempo, o propio sistema educativo segue a estar cargado dun importante simbolismo sexista, polo que debe apostarse por un modelo verdadeiramente coeducativo nas aulas, para intentar rachar coa visión androcéntrica do mundo e poder desenvolver o potencial de cada persoa con independencia do seu sexo. Integrar a perspectiva de xénero en todas as etapas da Educación pode ser o primeiro paso para construír unha sociedade máis equitativa e xusta, na que as diferenzas entre mulleres e homes non se traduzan en desigualdades, senón en oportunidades.