Estrutura do programa

1. MATERIAIS DIDÁCTICOS E METODOLOXÍA

O programa EquiXen estrutúrase a través de tres unidades didácticas que se desenvolven ao longo do curso escolar (unha por trimestre) e se corresponden con cada unha das tres películas de que consta o programa.

Cada unidade didáctica baséase e articúlase en función de cada película, tendo en conta que debe ser susceptible de tratar algún dos temas que consideramos de interese nesa unidade e que sirva de punto de arranque para o traballo na aula.

As unidades didácticas deben ter un formato atractivo tanto no deseño como na maquetación para facilitar a participación do/a alumno/a, ser de fácil aplicación, ter un carácter secuencial para desenvolver todos e cada un dos aspectos a traballar, e deben ter un compoñente lúdico-formativo utilizando linguaxe en clave positiva.

Á súa vez, a unidade didáctica componse dun “Manual do profesorado” e un “Caderno do alumnado”.

Período de implantación

1 Curso escolar a través de 3 trimestres

Por trimestre

1 Unidade Didáctica por módulo

Por Unidade Didáctica

1 Proxección + 4 horas lectivas de clase

Por hora lectiva

2 a 4 actividades de 15 a 30 minutos

2. MANUAL DO PROFESORADO

Estrutúrase como segue, unha primeira parte introdutoria referente á película visionada, a definición dos obxectivos que se perseguen e as explicacións das actividades que deben realizar os/as alumnos/as divididas por seccións temáticas e precedidas dunha explicación da actividade, os obxectivos propostos con esa actividade e as orientacións de aplicación. Por outra parte, o manual é unha proposta de traballo aberta, de maneira que é posible introducir modificacións e ampliacións se o profesor o considera oportuno.

3. CADERNO DO ALUMNADO

No “Caderno do alumnado” se presenta información, exercicios e actividades que deben ser realizadas polos alumnos, nalgúns casos de maneira individual e noutros en pequenos grupos. Algunhas delas precisan explicacións e encadramentos do profesor, outras oriéntanse á reflexión de forma lúdica por parte do propio/a alumno/a.

O obxectivo das unidades didácticas é favorecer a reflexión sobre os valores e actitudes que se destacan na película relacionándoos coa experiencia persoal dos/as alumnos/as, favorecendo o sentido crítico, promovendo o debate e o traballo en grupos, adestrando en habilidades de vida e mostrando alternativas de lecer e deporte facilitadoras de novas experiencias, todo isto inscrito no punto de vista da igualdade de xénero.

***

MEDIOS AUDIOVISUAIS. O CINEMA COMO FERRAMENTA PREVENTIVA

O programa “EquiXen” utiliza o cinema como soporte e con fins didácticos ensinándolles ós/ás alumnos/as actitudes e comportamentos que fomenten a igualdade de xénero. Partindo das experiencias narradas na película, o cinema convértense en ferramenta pedagóxica e eixo dinamizador dos contidos do programa.

FORMATO AUDIOVISUAL

O programa EquiXen utiliza neste caso o formato de DVD, destinado a proxeccións en Cines, Auditorios, Casas de Cultura, etc, ou ben no centro escolar participante. Cada unha das 3 proxeccións de que consta o programa terán carácter trimestral e realizaranse cos medios propios do concello ou centro escolar participante.

AVALIACIÓN

Xa que estamos imprantando por primeira vez este novo programa, ó inicio e ó final do programa, profesores e alumnos deberán cumprimentar un cuestionario para remitir ao programa “EquiXen”, nos que deberán contestar a unha batería de preguntas para valorar o impacto e efectividade do programa.