Por que a nivel escolar?

O eido escolar posúe un interese especial para a formación en valores e constitúe un contexto privilexiado para impartir programas estruturados ao longo do tempo. Consideramos de especial interese para o desenvolvemento harmónico da sociedade contribuír cun proxecto socioeducativo que dea resposta ás necesidades de relacións de equidade e de igualdade.


Por este motivo indicamos algunhas das vantaxes que ofrecen os centros educativos para traballar nesa tarefa:


a) A institución educativa acolle durante uns anos á práctica totalidade da poboación desde a nenez ata a adolescencia, este sector da poboación permite a actuación sobre o colectivo máis axeitado para a creación de valores, o fomento da igualdade e do respecto aos demáis.


b) O eido escolar é a principal instancia socializadora, xunto coa familia, o que lle permite integrar a educación en valores de igualdade de xénero de xeito natural na función educativa xeral e a través de programas educativos concretos.


c) Por razóns de idade, esta poboación é bastante homoxénea e especialmente educable, de maneira que se poden impartir coñecementos, adquirir actitudes e establecer certos hábitos de xeito gradual e persistente.


d) A escola pode detectar problemas temperáns e orientar cara a alternativas máis adaptativas e enriquecedoras, contando coa participación dunha serie de mediadores sociais moi amplo: profesores, alumnos, psicólogos, familia; así como outros axentes sociais que actúan en conexión co contorno escolar.


e) Precisamente na etapa escolar confórmase a identidade de xénero, e os comportamentos, e os contidos visualizados a idades temperás, xogan un papel determinante neste sentido. A socialización producida na etapa escolar está condicionada por varios factores: o grupo de iguais, o profesorado, o comportamento de nais e pais, os contidos dos libros de texto, etc.


A visualización de todos estes factores determina as pautas de comportamento, xa que na escola non só se aprenden os coñecementos explícitos no currículo escolar. Certas pautas e destrezas veñen dadas polo currículo oculto, que é diferente para nenas e nenos, o que provoca desigualdades de base que se fan máis patentes en etapas posteriores de desenvolvemento.


Parece que, aínda que non de maneira intencionada, na escola continúan a producirse estereotipos e roles patriarcais.

Estes estereotipos non só xeran unha connotación pexorativa sobre o sexo feminino, senón que limitan e restrinxen as actuacións das mulleres, pero tamén dos homes. O xénero entendido como a construción social edificada sobre a variable biolóxica sexo, crea un comportamento esperado para homes e mulleres polo mero feito de selo. É o comportamento percibido pola sociedade como “correcto” e encóntrase moi interiorizado e naturalizado.